A empresa Espina y Delfín logra a maior puntuación no informe técnico do contrato da auga de Sanxenxo
Por Redacción
Espina y Delfín foi a empresa que logrou unha maior puntuación no concurso municipal de Sanxenxo para a xestión do servizo de auga e rede de sumidoiros. A actual concesionaria logrou a maior puntuación ao asumir todos os investimentos optativas referentes á ampliación de rede, por valor de 3.820.000 euros e ofrecer un canon anual do 28% do importe facturado durante o exercicio. Unha porcentaxe que case triplica o recolleito nos pregos e que supoñería un ingreso inicial para as arcas municipais de case 800.000 euros ao ano, cantidade que se irá incrementando en función do número de usuarios.
Nestes momentos, está a revisarse a documentación achegada polas empresas e prevese que a proposta de adxudicación leve a Pleno o próximo mes para a aprobación do contrato e que a execución do novo contrato dea comezo o 1 de xaneiro.
O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A empresa concesionaria terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. O contrato contempla a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira, con novas infraestruturas de abastecemento de auga con 7 actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.
A empresa concesionaria terá que completar as 3 fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos 6 primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano.
No primeiros seis meses actuarase en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintáns, Aios costera), Vilalonga (Iglesario, Altamira e Iglesario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila y Sear) e Padriñán (Palacios e Laxe).
Estas actuacións xunto ás previstas no convenio con Acuaes, mellorarán a depuradora e os bombeos de augas residuais, "e converterán a Sanxenxo nun referente no tratamento e depuración das súas augas". O goberno considera que coidar das dúas rías que bañan Sanxenxo "é a mellor inversión que podemos facer para seguir sendo un destino turístico de éxito, un destino sostenible". O ingreso anual en concepto de canon que recibirá Sanxenxo tras a firma do contrato destinarase á mellora e eficiencia do servizo da auga no municipio.
Relacionadas:
-
As obras de abastecemento e saneamento no rural de Sanxenxo comezan polo bombeo de Area de Agra
Por Redacción |
-
A renovación do servizo de subministración e abastecemento de auga en Sanxenxo supera o último trámite
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo levará a pleno a adxudicación definitiva do servizo de auga a Espina e Delfín
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno de Sanxenxo dá luz verde á proposta para adxudicar o servizo da auga a Espina e Delfín
Por Redacción |
-
Nove empresas optan ao contrato da auga de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Pontevedra alegará ao contrato do ciclo do auga de Sanxenxo ao entender que quere pagar a un custo menor do real
Por Natalia Puga |
-
Un total de 21 empresas visitan as instalacións municipais con motivo da licitación do novo contrato da auga
Por Redacción |