Pontevedra volve ser sede do prestixioso congreso de oftalmoloxía 'Lifelong Learning Curso del Atlántico'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Pontevedra é unha das entidades que promove o ‘Lifelong Learning 20/22 Curso del Atlántico’ que se celebrará na Boa Vila os días 28 e 29 de outubro. Trátase dun congreso de oftalmoloxía que reunirá a algúns dos maiores expertos neste eido en todo o Estado, que terán a oportunidade de expoñer, divulgar e compartir as súas experiencias a través das diferentes sesións.
Cada sesión estará dedicada a un tema concreto, como a superficie ocular, uveitis, estrabismo, glaucoma, cirurxía refractiva, córnea, cirurxía da córnea, do cristalino, retina médica e o tratamento cirúrxico desta última.
O congreso foi presentado polo doutor e director do evento, Pedro Corsino Fernández Vila, acompañado do concelleiro César Mosquera, que fixo de anfitrión durante o acto de presentación, "xa que fun paciente de oftalmoloxía cando Pedro Corsino era o xefe de servizo e estou absolutamente encantado de darlles hoxe a benvida".
Saskia Aguado, directora médica para Baush+Lomb en España e Portugal, explicou que esta cuarta edición do Curso del Atlántico é "un curso muy especial para el cual desplazamos un gran número de personas".
"Pontevedra es una ciudad acogedora que invita a concentrar el conocimiento y que nos permite, desde hace cuatro años, establecer un puerto seguro para nuestras necesidades como organizadores", afirmou Saskia Aguado.
Doutra banda, David Muñoz, responsable de márketing de Bausch+Lomb, comentou que serán 275 os especialistas médicos chegados até Pontevedra desde toda España, aos que tamén habería que sumar 45 da propia compañía promotora do evento.
A presentación deste congreso coincidiu coa celebración este xoves do Día Mundial da Visión unha efeméride que o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia dedica este ano á visión infantil.
O presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, Eduardo Eiroa, e a secretaria, Esther Amaro, acudiron a unha caseta informativa instalada na Praza dá Peregrina, na que estiveron acompañados neste acto polo alcalde en funcións da cidade, Agustín Fernández; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez; e a decana da Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Jesús Giráldez.
Nesta carpa informativa dúas voluntarias estudantes de Óptica e Optometría ofreceron información sobre a visión infantil á cidadanía. Entre outros datos, destacaron que o 70% dos nenos presentan algún tipo de defecto refractivo polo que se recomenda unha revisión visual anual a partir dos tres anos.
Os ópticos-optometristas sinalan que, para manter unha boa saúde visual, os máis pequenos deben xogar ao aire libre, coa correspondente protección de lentes de sol, non abusar das pantallas e estudar cunha correcta ergonomía.
Tamén apuntaron que dos máis de 100.000 menores de entre 6 e 11 anos atendidos nos establecementos sanitarios de óptica de Galicia, un 14% presentan hipermetropía; un 7,2% das nenas e un 6,3% dos nenos son miopes; un 4,6% dos nenos e nenas teñen astigmatismo; mentres que un 5% das nenas presentan miopía e astigmatismo nos seus exames e un 4,5% dos nenos esta mesma combinación.