Bueu mellora o parque de Robeira para renaturalizar toda a súa área
Por Redacción
Que os espazos públicos que se atopan en áreas rurais estean o máis naturalizados posibles. Ese é o obxectivo das actuacións que está a impulsar o Concello de Bueu.
Tras os arranxos efectuados no parque da Barraca, este programa municipal de obras chegou ao parque de Robeira, no lugar do Burgo.
Neste punto, situado na parroquia de Cela, estase a substituír a capa de terra vexetal por unha de xabre, segundo explicou o alcalde de Bueu, Félix Juncal.
Ademais, o Concello tamén reparará os asentos dos bambáns, que según o rexedor "foron substraídos, unha vez máis, por algunha persoa que non respecta os elementos públicos que son para o uso e goce de toda a cidadanía".
Neste lugar tamén se fará unha limpeza con sistema de auga a presión na zona dos asadores e mesas, e podaranse as árbores, ademais de intentar recuperar a auga da fonte.
Toda esta actuación, concluíu Juncal na súa visita, está deseñada para "paliar as eivas" que tiña toda esa zona no seu estado de conservación.