Chega a Pontevedra a "Volta a Galicia 700" convocada pola Asociación FranGil contra a leucemia para promover a doazón
Por Redacción
A "Volta a Galicia 700. Sobre os nosos pasos", promovida pola Asociación FranGil contra a leucemia, chegou este mércores 12 de outubro, ao Hospital Provincial de Pontevedra, na última etapa desta iniciativa solidaria que finalizará esta tarde, ao redor das 17.30 h, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que ten como obxectivo sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da doazón de medula ósea e de sangue do cordón umbilical.
O Hospital Provincial de Pontevedra e o Álvaro Cunqueiro de Vigo son dous dos sete hospitais de Galicia nos que os corredores foron entregando capas de superheroes aos pacientes de leucemia ingresados nestes centros sanitarios que están a loitar por vivir ou por volver ser as persoas que eran. Os participantes estiveron percorrendo en distintas etapas o camiño que une estes sete hospitais onde se formalizan os novos rexistros de doantes de medula ósea en Galicia.
No Hospital Provincial foron recibidos polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que se sumou aos voluntarios correndo o último tramo desta etapa de hoxe, que finaliza no Álvaro Cunqueiro, así como profesionais asistenciais da área e coordinadores sanitarios.
En palabras de David Gil, presidente da Asociación FranGil, "esta é unha historia de vida en positivo, valorando todo o que temos e o agasallo que é vivir, pero tamén apoiando ás persoas que hoxe non poden dar os seus pasos connosco".
Coa axuda dos seus pais, David Gil realizou a "Volta a Galicia 700" por primeira vez no ano 2009, durante 10 etapas de 500 quilómetros nas que entregou as primeiras 700 camisetas nos sete hospitais onde se formalizan os novos rexistros de doantes de medula ósea en Galicia, e que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia. Así foi como naceu o movemento "700 camisetas contra a leucemia", que a partir do ano 2010 deu nome a unha marcha que en 2022 cumpriu a súa edición número 13 e que deu lugar a un movemento que hoxe seguen en Facebook máis de 18000 persoas de todo o mundo.
En 2019, conmemorando o décimo aniversario daquela primeira experiencia, realizouse de novo a volta a Galicia, en formato de substitucións, con persoas voluntarias que entregaron en catro xornadas novamente 700 camisetas nos 7 hospitais. Nesta edición 2022, que se presenta como un peche de ciclo, as persoas voluntarias participantes, realizaron o mesmo percorrido que nas dúas edicións anteriores pero en sentido contrario. Durante estes cinco días visitaron novamente os sete hospitais de Galicia nos que se formalizan os novos rexistros de doantes de medula ósea e viñeron entregando nesta ocasión capas de superheroes aos pacientes que están a loitar por vivir ou por volver ser as persoas que eran: "queremos borrar as pegadas da pandemia, queremos acordarnos das e os anónimos profesionais que nos coidaron e cóidannos pero, sobre todo, queremos dar as grazas por estar vivos e ter enerxía para gritar polos que hoxe non poden facelo", subliñou David Gil durante a presentación.
ASOCIACIÓN FRANGIL E O MOVEMENTO 700
A Asociación FranGil contra a leucemia, que ampara este evento, foi creada no ano 2017 e leva o nome do pai e o irmán de David Gil, falecidos ambos por unha leucemia. Francisco Gil loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda e, aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.
Cando arrincou o proxecto, en 2009, había unicamente 60.000 rexistros en España; hoxe son máis de 460.000. Un salto cuantitativo moi importante pero que segue sendo
insuficiente para que as persoas que necesitan anualmente un transplante de medula teñan a posibilidade de atopar un doante compatible e salvar a súa vida. Por iso, esta iniciativa solidaria estende o seu labor ao longo de todo o ano con outras accións de concienciación e visibilidade, dando valor á acción altruísta e solidaria de moitas persoas que son ou serán doantes e que regalarán vida ás persoas que necesiten recibir un transplante.
Relacionadas:
-
Pezas únicas para loitar contra a leucemia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: abre as inscricións para a súa última edición
Por Natalia Puga |
-
Máis de 650 persoas camiñan desde Vigo a Pontevedra para loitar contra a leucemia
Por Redacción |
-
A marcha solidaria contra a leucemia volverá tinguir de vermello Pontevedra
Por Redacción |
-
Máis de 500 persoas participan na marcha solidaria "700 camisetas contra a leucemia"
Por Redacción |