O Sergas analiza coa alcaldesa e os sanitarios de Marín a mellora da atención primaria
Por Redacción
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, mantivo este venres xuntanzas técnicas coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, e con profesionais do centro de saúde do municipio nas que analizaron a situación e as melloras para a cobertura de atención primaria nesta localidade.
O encontro coa alcaldesa deu continuidade á relación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais e José Flores trasladou a María Ramallo o compromiso do Sergas de "continuar coas xestións administrativas para acadar no menor período temporal novas coberturas de vacantes médicas" no centro de saúde.
O Sergas lembra o condicionante actual de "carencia de efectivos" nas especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría, de tal xeito que "a ausencia destes profesionais para contratar supón unha dificultade de cobertura con continuidade" en Marín.
Flores tamén sinalou que dous novos médicos especialistas de atención primaria da Oferta Pública de Emprego, realizada recentemente pola Xunta de Galicia, elixiron incorporarse ao servizo no centro de saúde de Marín.
En canto á segunda reunión, Flores estivo acompañado pola directora de Atención Primaria, Marta Ocampo, e pola subdirectora de ordenación farmacéutica de Pontevedra e O Salnés, Nuria Iglesias.
Celebrouse no centro de saúde e foi unha xuntanza técnica con profesionais de atención primaria, na que se perfilaron novas iniciativas asistenciais e de mellora organizativa interna que repercutan nunha mellor prestación sanitaria pública de Marín.