O Museo de Pontevedra é o primeiro de España en conseguir o selo de sostibilidade turística
Por Redacción
O ICTE (Instituto para a Calidad Turística Española) vén de certificar ao Museo de Pontevedra coa marca "S" de sostibilidade turística. Convértese así no primeiro museo de España en distinguirse con esta certificación, entrando no selecto grupo de 77 equipamentos que contan con este novo certificado que se puxo en marcha en 2021.
A marca S é instrumento pioneiro a nivel mundial. Esta certificación garante a implantación, o cumprimento e a acreditación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) correspondentes da Axenda 2030 da ONU en institucións que realizan actividades relacionadas co turismo cultural.
Este selo certifica a contribución do Museo aos obxectivos de desenvolvemento sostible mediante auditorías e cos máximos estándares de calidade. Isto permite ao Museo de Pontevedra aliñar a súa xestión cara ao cumprimento da Axenda 2030 da ONU mediante accións concretas adaptadas a esta institución. O plan de sostibilidade do Museo certificado polo ICTE céntrase en concreto en tres obxectivos: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía asequible e non contaminante.
Ademais de ser o primeiro museo en toda España en lograr esta certificación, o de Pontevedra tamén é a segunda entidade de calquera tipo en Galicia en obter este recoñecemento. Referéndase así a aposta pola excelencia que está a facer o Museo, que hai só dous meses lograba a certificación da marca "Q" de calidade turística, que promoven o ICTE e a Asociación Española de Normalización UNE. Só dispoñen do selo Q, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Thyssen-Bornemisza de Madrid, e o MARQ de Alacante. En Galicia só dous centros museísticos teñen logrado a Q e ámbolos dous están adscritos á Deputación: o Castelo de Soutomaior e, agora, o Museo de Pontevedra.
Ao conseguir esta nova certificación, o Museo convértese no único centro museístico de España e a única entidade de calquera tipo en Galicia en dispoñer de ambas marcas, S e Q.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra entra na "Champions dos museos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reivindica en Barcelona a importancia do liderado local na Axenda 2030
Por Redacción |
-
A exposición sobre a vestimenta tradicional galega dos anos 20 bate récords de visitantes no Museo
Por Redacción |
-
Cifras de récord de visitantes no Museo de Pontevedra tras duplicar os rexistros do ano anterior
Por Redacción |