A Garda Civil intensifica o control das plantacións de marihuana en Pontevedra
Por Redacción
Coincidindo co final do período estival prodúcese a maduración e recolección das plantas de marihuana, con tal motivo a Garda Civil intensifica o control das plantacións na provincia de Pontevedra.
Segundo os datos oficiais achegados polo Instituto Armado, nos últimos días procederon á incautación dun total de 4.280 plantas de marihuana en servizos realizados por diferentes postos e unidades da Comandancia de Pontevedra.
A intensificación destes controis é froito das investigacións levadas a cabo durante os meses de xullo, agosto e setembro por efectivos de Seguridade Cidadá dos Postos da Garda Civil da provincia, así como Patrullas Fiscais e Fronteiras, (Pafif), Seprona e Equipos Territoriais de Policía Xudicial, contando en ocasións coa axuda do Servizo Aéreo. Pero tamén hai que destacar que para a resolución dalgúns dos servizos realizados, resultou fundamental a colaboración cidadá.
As plantacións localizáronse en zonas forestais arboredos ocultos entre a vexetación, en invernadoiros, leiras rústicas, xardíns anexos a vivendas e naves industriais. A plantación máis importante localizouse en Cerdedo-Cotobade, cun total de 3.437 plantas intervidas.
Plantacións de menor entidade, localizáronse polos Postos da Garda Civil de Soutomaior, Sanxenxo, Cambados, Cuntis, Caldas de Reis, Mos, Gondomar, Baiona, Marín, Moaña, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra do Miño, Tomiño, Covelo, Arbo e Tui, nas súas respectivas demarcacións.
Todos os operativos concluíron co corte e pesada das plantas aprehendidas e a posta a disposición xudicial no seu caso, dos responsables das mesmas.