Profesionais do grao en Belas Artes explican as posibilidades laborais da carreira

Por Redacción
Daniel Silvo, artista e comisario responsable da Galería Nueva en Madrid, comeza este mércores ás 17.30 horas o ciclo 'E despois, que?' destinado principalmente ao alumnado da Facultade de Belas Artes. Ao longo das próximas semanas profesionais relacionados co cinema, a fotografía, o comisariado artístico, a xestión cultural ou a dirección de museos, que contan con formación na carreira de Belas Artes expoñerán as súas experiencias nestas charlas.
Nas próximas semanas participarán tamén a comisaria Paula Cabaleiro; a artista Judith Adataberna; Manuel Oliveira, ex director do Centro Galego de Arte Contemporáne; a fotógrafa Maya Kapouski; e a directora de Marketing de Cabo de Penas, Rosario Carballo.
As sesións, segundo informa o DUVI, son abertas ao público e prolongaranse ata o 16 de novembro. Na sesión deste mércores, Daniel Silvo afirmaba que estudou a carreira pensando en ser deseñador e, ao tratarse dun grao moi versátil, descóbrense as propias ferramentas de aprendizaxe. Segundo expón, os artistas resolven situacións dunha forma creativa e por este motivo, en calquera ámbito profesional, unha persoa formada en Belas Artes ofrece unha forma diferente de resolver diferentes cuestións.
O ciclo continuará o 3 de outubro coa intervención da crítica e comisaria Paula Cabaleiro, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e directora de Cultura da Deputación de Pontevedra. Ademais, é integrante do Consello da Cultura Galega e foi comisaria do Espazo de Arte do Culturgal, ademais de actividades como as recollidas no ciclo Abrandares en acción: Violencia cero. Tamén foi directora durante cinco anos do Museo de Arte Contemporánea Florencio de la Fuente, en Conca.
Tamén a próxima semana, o xoves 6, Judith Adataberna, egresada da facultade pontevedresa, explicará aos asistentes o seu traballo como artista visual que traballa no ámbito da fotografía, a videoinstalación e o cinema experimental.
Relacionadas:
-
A Facultade de Belas Artes acolle a exposición fotográfica 'O Abrigo'
-
Promoven conferencias científicas pola noite nos bares
Por Oskar Viéitez |
-
A oferta de obradoiros do campus inclúe animación, fotografía, cerámica, cogomelos, lingua de signos, escalada e robótica
Por Redacción |
-
O Pazo da Cultura acolle a exposición colectiva dos traballos fin de grao en Belas Artes 2022
Por Redacción |