Chegan dous días de chuvascos ás Rías Baixas
Por Redacción
Durante a noite deste luns ao martes 27 unha fronte pouca activa comezou a afectar á metade norte de Galicia, que deixará unha xornada con ceos con intervalos de nubes e claros, coa posibilidade de precipitacións ocasionais, máis probables facía o norte da comunidade. As temperaturas situaranse entre os 12 e os 24 graos. Os ventos soprarán do noroeste, moderados na costa e máis frouxos no interior, segundo os datos ofrecidos por Meteogalicia.
A partir do mércores 28, a circulación do noroeste ofrecerá humidade e a entrada dunha nova fronte en Galicia. Desta forma, espéranse ceos nubrados con chuvascos, máis frecuentes durante a mañá. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso chegando aos 15 graos mentres que as máximas descenderán ata os 21. O vento soprará de compoñente oeste, frouxo no interior e moderado na costa.
Unha nova fronte con precipitacións chegará o xoves desde o norte. Os ceos nas Rías Baixas presentaranse nubrados e os chuvascos serán xeneralizados. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do noroeste, frouxos no interior e moderados no litoral.
A situación cambiará a partir do venres. O anticiclón das illas dos Azores entrará en forma de cuña nesa xornada. Os ceos presentaranse máis nubrados pola mañá, pero sen precipitacións na provincia de Pontevedra. Pola tarde abriranse claros. As temperaturas previstas oscilarán entre os 11 e os 23 graos con ventos frouxos, de compoñente norte pola mañá, variando a oeste e suroeste ao longo da tarde.
A influencia anticiclónica irá incrementándose ao longo da fin de semana. As temperaturas máximas tamén ascenderán a partir do domingo alcanzando os 26 graos nas Rías Baixas.