Un curso da UNED aborda a creación literaria e a experiencia vital desde a Psico(pato)loxía
Por Redacción
Desde o 13 de outubro ao 1 de decembro, o Centro Asociado á UNED en Pontevedra desenvolverá ao longo dos xoves en sesións de tarde un curso que leva por título 'Creación literaria e experiencia vital: unha aproximación desde a Psico(pato)loxía'.
Nas sesións tratarase de entender a conduta humana como un acto de relación do suxeito cos obxectos da realidade e, entre eles, con outras persoas atendendo ás situacións e aos contextos sociais. Trátase dunha metodoloxía que bebe da obra de Castilla del Pino e busca analizar as condutas tanto normais como anormais.
Para desenvolver esta premisa analizaranse os aspectos máis importantes da biografía e obra de tres escritoras e de tres escritores de relevancia na literatura universal como é o caso de Luis Martín-Santos, Carmen Laforet, Virginia Woolf, Charles Baudelaire, Djuna Barnes e Cesar Pavese. A todos eles atribúenselles obras xeniais e tamén unhas vidas de circunstancias excepcionais.
O curso consta de 24 horas lectivas e pódese seleccionar asistencia presencial ou tamén en liña tanto en directo como en diferido. A matrícula ten un prezo de 48 euros.
O xoves 13 de outubro realizarase a presentación desta actividade dirixida por Iria Calleja Barcia, doutora en Educación e licenciada en Psicoloxía, profesora-titora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra.
Atópase coordinado por Rafael Cotelo e como relator figura Víctor Pedreira Crespo, coñecido médico psiquiatra que na súa traxectoria foi xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra e tamén exerceu como profesor de Enfermería en Saúde Mental na Escola de Enfermería de Pontevedra.
A matrícula atópase aberta tanto a estudantes de Psicoloxía, Ciencias Sociais e Humanidades como a público en xeral interesado pola literatura e a creación artística. Ao longo das sesións analizarase o método psico(pato)lóxico na comprensión da conduta humana e a relación entre as experiencias vitais e a creación de obras literarias.