Carmela Silva, premio #MujeresImparables, reclama no congreso de Rota a recuperación da axenda feminista
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu en Jerez de mans da Asociación Mujeres Imparables o premio concedido pola citada rede profesional de mulleres polo seu traballo en pro da Igualdade.
A presidenta provincial visitou igualmente o Concello de Jerez, onde foi recibida pola alcaldesa Mamen Sánchez e onde asinou no libro de honra da institución, recepción oficial que posteriormente tivo tamén no Concello de Rota, onde se reuniu co alcalde José Javier Ruiz Arana.
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén foi protagonista este venres no Congreso de Feminismo da Provincia de Cádiz onde manifestou que "antes que nada son feminista, tamén son optimista e sei que gañaremos esta loita que é a da metade do mundo, pero estou preocupada porque a axenda política feminista está desaparecida neste momento e temos que recuperala".
A presidenta provincial compartiu mesa de debate sobre entidades locais e políticas de igualdade, con Silvia Buabent, experta en igualdade e ex directora do Instituto da Muller, e Soledad Pérez, avogada e ex deputada do Parlamento de Andalucía.
Carmela Silva sinalou que "a política local ten sido sempre unha gran impulsora da igualdade e hoxe somos o reduto do feminismo activo e temos que defendelo, promovelo e estar desde o mundo local no centro esixindo a todas as administracións públicas que hai que recuperar con políticas reais e integrais a axenda de igualdade, a axenda feminista".
"Queremos a metade do poder, somos abolicionistas, estamos en contra da mercantilización do corpo das mulleres, e queremos a metade de todo. Esa axenda ten que estar no centro e na Deputación de Pontevedra o está, non hai nada máis importante. Non é palabrería, facemos un traballo transversal", dixo a mandataria socialista.
Carmela Silva lembrou que "cando unha feminista chega ao poder, con ela chegan todas as mulleres" e indicou que non hai na institución provincial "ningún lugar onde non estean presentes, elas e os seus dereitos".
Previamente ao congreso desta mañá, Carmela Silva mantivo un encontro co presidente da Deputación de Cádiz, Juan Carlos Ruiz Boix, quen trasladou á presidenta provincial o seu recoñecemento pola referencia en igualdade que é a Deputación de Pontevedra.