Condenan un ladrón que desvalixou a casa da súa cita de Badoo

Por Natalia Puga
Nove meses de prisión e unha indemnización de 414,95 euros. É a condena que deberá cumprir un home que en xullo do ano 2018 aproveitou a confianza que lle deu unha muller á que coñecera a través da rede social Badoo e desvalixoulle a casa, levándose, xoias, unha televisión e tres móbiles.
A parella coñeceuse a mediados do mes de xullo de 2018 a través da citada rede social e o día 27 quedou para verse. Citáronse na estación de tren de Santiago de Compostela e desde alí desprazáronse ao domicilio dela en Poio.
Tras pasaron a noite xuntos na casa dela, a muller tivo que irse a traballar e el quedou só na vivenda. Nese momento, "guiado por un afán de obter un beneficio económico á conta do patrimonio alleo", colleu os citados obxectos da casa, valorados en 1.188,95 euros, e foise.
As xoias vendeunas ese día nun establecemento da rúa Cobián Areal de Pontevedra e finalmente a Policía logrou recuperalas e entregarllas á muller.
O televisor, da marca LG de 22 polgadas, vendeuno nun establecemento de compra venda de obxectos usados da rúa Blanco Porto de Pontevedra e non puido ser recuperado.
Tampouco os tres teléfonos móbiles puideron ser recuperados.
Este home foi condenado en primeira instancia polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra e, tras recorrer, revisou o caso a sección segunda da Audiencia Provincial.
O tribunal provincial desestimou o recurso e confirmou a sentenza inicial, que considera ao home autor dun delito de furto.