O PSdeG esixe á Xunta que explique en que gastou os 159 millóns do fondo Covid que lle deu o Estado para gastar en sanidade

Por Oskar Viéitez
O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Valentín González Formoso, esixiu á Xunta que explique en qué gastou os 159 millóns do fondo Covid que lle deu o Estado para gastar en sanidade.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación celebrada este xoves ás portas do Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra, Formoso preguntou "onde están eses 159 millóns de euros que lle faltan á sanidade galega e que o Estado español transferiulle ao Goberno galego para que contratase a 976 profesionais sanitarios?".
Formoso lembrou que un organismo auditor como é o Consello de Contas denuncia no seu último informe, que eses 159 millóns de euros "transferidos polo Estado no peor da pandemia para reforzar o sistema sanitario galego, non están dedicados á sanidade de Galicia".
O secretario xeral do PSdeG resaltou que "para o Partido Socialista de Galicia o lema é claro: Galicia non é nada sen o seu sistema sanitario" por iso reiterou o "compromiso máis absoluto" da súa formación que "empeza pola defensa deses 159 millóns de euros" que permitirían a contratación de máis profesionais.
Na súa visita á cidade de Pontevedra Formoso tamén denunciou o "colapso sanitario na Atención Primaria" poñendo como exemplo a situación que se viviu durante este verán neste PAC da Parda pero que é, ao seu xuízo, "unha constante nas catro provincias galegas".
"O que está a sufrir a sociedade galega é un abandono claro por parte da Xunta de Galicia, e do seu presidente, cara ao sistema sanitario", dixo o líder do PsdeG.
Formoso destacou que este "desleixo" do Goberno galego cara ao sistema sanitario público reflíctese en que "hai un 2% menos nos orzamentos deste 2022 respecto ao ano pasado, cando a media nacional aumentou un 12%".
Relacionadas:
-
Renovarán sete sistemas de anestesia nos bloques cirurxicos dos hospitais da área sanitaria
Por Redacción |
-
A Xunta traslada ao alcalde de Barro o convenio para as obras de construcción do novo centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Guillerme 'Yeyo' Pérez Agulla é o novo coordinador comarcal do PSdeG-PSOE
Por Redacción |
-
A ILP de SOS Sanidade Pública para salvar a atención primaria, "disparada" en zonas como O Salnés e O Morrazo
Por Redacción |