
© Xunta de Galicia
A Xunta traslada ao alcalde de Barro o convenio para as obras de construcción do novo centro de saúde

Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e do Salnés, José Flores Arias, e o subdirector de Infraestruturas da Consellería de Sanidade, Jesús Rodríguez Flores, reuníronse este mércores co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e o concelleiro de obras Iván Bello Ferreiro, para explicarlle os detalles da proposta de convenio que fai a Xunta ao concello para levar adiante as obras do centro de saúde da localidade.
O actual centro de saúde de Barro, debido a súa antigüidade, 38 anos, conta con accesos inadecuados que non cumpren coa normativa de accesibilidade e con instalacións obsoletas que precisan ser melloradas.
Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade. Se ben o centro de Barro formaba parte da Fase 2 deste Plan, a celeridade do concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata e a ausencia de propostas concretas doutros concellos con centros incluídos na Fase 1 como Poio, Cangas ou O Grove teñen levado ao goberno galego a priorizar a proposta do centro barrés.
Para poder iniciar a obra deste novo centro, a Xunta trasladou hoxe ao alcalde unha proposta de convenio para poder iniciar a súa tramitación o antes posible unha vez o concello dea a súa conformidade ao texto. Esta proposta será estudada polo Concello de Barro e aprobada en Pleno "na maior brevidade posible". A sinatura deste convenio é o paso previo á entrega formal por parte do Concello á Consellería de Sanidade dos terreos solicitados e á redacción do proxecto de construción do novo Centro de saúde.
Para o Goberno municipal o novo centro médico é unha "prioridade", polo que se están dando todos pasos "en tempo récord" para cumprir as solicitudes da Consellería de Sanidade. Xa no mes de xaneiro se puxeron a disposición da Consellería os terreos que xa previamente contaran co visto bo do seu deparamento técnico.
O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 4 consultas de adultos, 1 sala polivalente, 1 sala de toma de mostras, área de pediatría con 2 consultas e 1 consulta de matrona, o que supón con respecto ao centro actual incrementar en unha consulta polivalente, 1 de enfermería pediátrica e 1 de matrona. Este plan resultaría nun edificio duns 800 metros cadrados, máis que duplicando a superficie de 320 metros cadrados do actual centro de saúde.
EXENCIÓNS FISCAIS
A proposta de convenio, como é habitual nos acordos que realiza o Sergas cos concellos nos que vai a realizar obras, recolle entre as obrigas do concello a realización de todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde. A dita parcela deberá cederse libre de cargas e gravames, incluíndo a asunción por parte do concello dos custos do derrubo de calquera outra edificación existente actualmente nese terreo. Ademais, a administración municipal comprométese tamén a obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de construción do novo de saúde.
En correspondencia, o convenio establece que a Xunta deberá asumir a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de construción do novo do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.
Finalmente, o convenio require tamén do concello as exencións e bonificacións fiscais que a Xunta adoita solicitar naqueles concellos onde vai realizar unha inversión deste tipo. Así, o concello de Barro deberá regular a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles (IBI) a favor dos centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a declarar esta construción de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).
Relacionadas:
-
Asinan o convenio para a construción dun novo centro de saúde de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno de Barro dá luz verde ao convenio entre o Concello e a Xunta para a construción do novo centro de saúde
Por Redacción |
-
Os centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorporan 18 novos médicos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Renovarán sete sistemas de anestesia nos bloques cirurxicos dos hospitais da área sanitaria
Por Redacción |
-
O PSdeG esixe á Xunta que explique en que gastou os 159 millóns do fondo Covid que lle deu o Estado para gastar en sanidade
Por Oskar Viéitez |
-
Aproban a cesión a Sanidade da parcela para o novo centro de saúde de Barro
Por Redacción |
-
Barro avanza nos trámites urbanísticos para ceder á Xunta os terreos do novo centro de saúde
Por Redacción |