A Deputación divulga o 'Modelo Ágora' na Universidade Politécnica de Cartagena
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O ‘Modelo Ágora’ da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público foi este mércores protagonista das Xornadas da Semana Europea da Mobilidade organizadas pola Universidade Politécnica e o Concello de Cartagena.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e o asesor Jesús Fole impartiron un seminario sobre ‘O espazo público como dereito’ ante un público especializado formado por profesorado e alumnado da Escola de Enxeñería Técnica Civil, persoal político e técnico municipal e policías locais.
O deputado Uxío Benítez expuxo a filosofía provincial e explicou que a Deputación deu un xiro de 180 graos á concepción da mobilidade na provincia de Pontevedra no cambio de goberno en 2015, pasando a un concepto de infraestrutura entendida como vía para vehículos a outra como espazo público no que as persoas son protagonistas.
Subliñou que dende a Deputación se teñen impulsado axudas e asesoramento técnico aos concellos que apostan por recuperalo para a cidadanía e que grazas á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público prevense obter importantes resultados cuantificables de metros cadrados recuperados fronte á mobilidade motorizada.
Neste sentido, destacou que só cos proxectos e obras executados coas subvencións Ágora de 2021 recuperaranse 100.000 metros cadrados de espazo público retirándollo aos vehículos e devolvéndollo ás persoas. Tamén sinalou que nestes momentos está en fase de aplicación a nova ‘Ordenanza Ágora’ da Deputación para dar marco xurídico á recuperación do espazo público na provincia por parte dos concellos.
Entre outras cuestións tamén sinalou a posta en marcha da Facultade Ágora, unha aposta formativa iniciada o ano pasado como un laboratorio de I+D+i do espazo público.