Troáns rebélase contra o proxecto de concentración parcelaria
Por Redacción
Máis de 200 afectados polo proxecto de concentración parcelaria que se pretende acometer na parroquia de Troáns, en Cuntis, mantiveron este sábado un encontro co alcalde do municipio, Manuel Campos.
Piden un proxecto "real" para a parcelaria dos sectores I e II de Troáns, que recolla as demandas e peticións veciñais trasladadas á Xunta hai meses e que non obtiveron resposta.
Leiras e vivendas que quedan sen acceso asfaltado, camiños nos que non cabe un tractor ou unha distribución de viais que marxina a parte dos propietarios son algúns dos aspectos dos que se queixan os afectados.
O alcalde, que apoia o posicionamento dos veciños, confirmou que solicitará que se reúna a xunta local da concentración parcelaria e constituirá unha comisión da que formarán parte veciños de distintas aldeas para reunirse cos técnicos da concentración.
"Desde o Concello remitimos á Xunta centos de escritos solicitando un proxecto que recolla a rede viaria que demandan os afectados e as respostas sempre foron na liña de que non había partida para facelo", explicou Manuel Campos.