A Agrupación Socialista de Pontevedra chora a morte do seu histórico compañeiro Pedro Vila
Por Redacción
Os militantes da Agrupación Socialista de Pontevedra veñen de coñecer a través da secretaria xeral do partido, Maica Larriba, a noticia do pasamento do histórico militante Pedro Vila Méndez tras unha longa loita contra a enfermidade que padecía. Vila, actual secretario executivo da Executiva Municipal do PSOE, faleceu esta pasada madrugada no Hospital Montecelo, "sen dor e en paz".
"Compañeiros e compañeiras -comunicou Larriba a primeira hora desta mañá-, hoxe é un día que nunca debeu ter chegado. Escribo para comunicarvos unha dolorosa noticia. O noso compañeiro e amigo da alma, Pedro Vila, faleceu esta madrugada. Pedro será sempre, xunto a outros grandes do noso partido, unha parte esencial da nosa historia. Coa nosa inmensa dor, honra e gloria a Pedro. Sempre estarás na nosa memoria e no noso corazón".
Pedro Vila era un dos militantes máis veteranos da Agrupación Socialista de Pontevedra: militaba no partido desde xuño de 1977, sendo, xunto con outros compañeiros como Arturo Hermida, Luis López de Guereñu e Mari Carmen Maceda, unha peza fundamental para a reorganización do partido na cidade neses primeiros albores da democracia.
Vila, que sumaba un lustro de traballo e lealdade ás siglas do PSOE, seguía a xogar un rol fundamental dentro da Agrupación Socialista de Pontevedra nos últimos tempos, sendo o coordinador da campaña electoral das municipais de 2019.