O goberno provincial aproba o expediente para licitar as obras do CEIP Daría González
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para sacar a licitación por 2,1 millóns de euros de la mellora integral do CEIP Daría González. Esta actuación permitirá abordar o cambio da cuberta e a realización de melloras na fachada e nas condicións de habitabilidade e eficiencia enerxética deste centro educativo.
O Daría González foi construído na década dos 70, e conta con tres plantas, un patio exterior con xardín e horta. Na actualidade, presenta un conxunto de problemáticas que afectan a súa habitabilidade, accesibilidade e salubridade, e que inclúen desde desgaste da cuberta a fisuras, eflorescencias, desprendementos de morteiro e deterioro da carpintería, que provoca perdas enerxéticas e impide un nivel mínimo de illamento acústico.
O Goberno provincial destaca que "aínda que as competencias en Educación son autonómicas", a Deputación decidiu asumir estes traballos de modernización no centro para garantir que os menores conten cunhas instalacións sostibles e de calidade.
As obras a realizar, que se definiron coa dirección do centro, o seu persoal, proxenitores e representantes da Deputación, incluirán a substitución da cuberta (onde amais se instalarán paneis fotovoltaicos), o reforzo estrutural da fachada e o cambio de carpinterías exteriores (portas e ventás).
Tamén se substituirá o ascensor, acondicionaranse dous aseos da planta baixa e un terceiro para convertelo en accesible e reformarase unha sala lúdica para adaptala a persoas con diversidade funcional. As obras non afectarán ao funcionamento normal do centro durante o curso.