O Campionato de Tiro Práctico organizado pola Garda Civil reuniu a máis dun centenar de tiradores
Por Oskar Viéitez
As instalacións de Cernadiñas Novas, en Bora, acolleron estes días o XXXII Campionato Virxe do Pilar de Tiro Práctico organizado pola Garda Civil, que reuniu a 110 tiradores procedentes do propio Instituto Armado, da Policía Nacional, policías locais, do Exército e tamén a afeccionados federados.
A Garda Civil de Pontevedra organiza esta competición única en toda España na que os participantes tiveron que completar tres escenarios deseñados pola organización acertando no maior número de dianas.
Os participantes só empregan as súas armas regulamentarias, sen ningún tipo de modificación. Nesta edición a novidade é que os participantes puideron utilizar nos seus percorridos un escudo táctico.
O equipo gañador foi "COS 1" formado por Diego Abilleira Esperon, Juan J. Paz Solla e Santiago Golmar Gómez. Na competición individual quedou en primeiro lugar Diego Abilleira Esperon seguido de José Manuel Verde Viéitez e Alfonso Ferreiro Núñez.
Toda a competición e organización, estivo supervisada por Manuel Picón, Xefe de árbitros ou "Ranger Master".