A Casa Rosada acollerá este venres a festa infantil de fin de verán
Por Redacción
A Casa Rosada recuperará este venres 16 de setembro, a partir das 18.00 horas, a tradicional festa infantil de despedida de verán, pensada para maiores de 5 anos e que está organizada pola Concellería de Benestar Social e Mocidade.
A súa responsable, Rosa Fernández, lembra que esta cita viña realizándose de xeito periódico todos os anos coincidindo co inicio do curso lectivo, pero nas últimas edicións tivo que ser suspendida por mor da pandemia da COVID-19.
Agora, volve esta convocatoria, na que, ademais de poder gozar dunha merenda gratis, tamén haberá xogos e moitas sorpresas. A velada estará amenizada co espectáculo musical ‘Discopeque’. Esta actividade serve para iniciar a nova tempada con ánimo, pero tamén para despedir as vacacións de verán.
Nos meses de xullo e agosto leváronse a cabo os Talleres na Rúa, un ciclo con carácter itinerante que cada semana se trasladaba a un emprazamento diferentes nas cinco parroquias de Poio. En total, anotáronse preto de 200 crianzas de todas as idades. Nestas sesións, os participantes tiñan ocasión de realizar manualidades e deseños utilizando material de refugallo. Tampouco faltaron novidades como a Noite Máxica de agosto, na que gozaron dunha acampada ao aire libre nas inmediacións da antiga Escola Infantil de Tarrío, na parroquia de Samieira, acompañados por un grupo de monitores.