O BNG de Marín solicita a colocación de sinalética adaptada ás persoas de espectro autista
Por Redacción
O BNG de Marín ven de presentar unha moción, para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación municipal, solicitando a colocación de sinalética adaptada ás persoas de espectro autista.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, lembrou que "a sociedade que queremos para todas e todos é unha sociedade inclusiva", o que require que todas as instalacións do concello estean habilitadas para o uso de todas as persoas. Sinala que os equipamentos deben ser accesibles e os recursos complementarios necesarios para conseguilo teñen que estar perfectamente implementados.
Lucía Santos expón que unha actuación "tan sinxela" como é a colocación de sinalización con pictogramas cognitivos nos edificios públicos "favorecería a autonomía das persoas de espectro autista, facilitando a súa orientación e mobilidade, sabendo que facer e como, ao igual que deberían estar adaptados en canto a niveis de ruído, olores e luces".
O uso de pictogramas mediante debuxos facilitan a comprensión, resultando efectivos para axudar á accesibilidade cognitiva. É por isto, que Lucía Santos manifesta que "deberíamos ter en conta a sinalización das rúas para que a xente con diferentes necesidades de comprensión puidese saber en todo momento en que lugar se atopa e que facer no mesmo, así como dirixirse a distintas áreas e zonas do concello".