As faíscas dunha cortadora, orixe dun incendio forestal en Meis

Por Redacción
Unha imprudencia durante uns traballos de corte realizados cunha máquina foi a responsable dun incendio forestal rexistrado o pasado 3 de agosto en Meis, que arrasou 1,4 hectáreas de superficie arborizada.
Axentes da Policía Autonómica, especializados na investigación de incendios, lograron así aclarar a orixe deste incendio, que ocorreu nun monte da parroquia San Martiño. As dúas persoas que estaban a realizar estes traballos serán investigadas por este suceso.
Tras realizar unha inspección pola zona, os policías autonómicos, coa colaboración dos axentes ambientais de Medio Rural, acoutaron a área na que se iniciou o lume.
Descubriron así que o incendio fora provocado polas faíscas da máquina ao realizar uns traballos de corte nunhas varas de ferro.
Nos labores de extinción do incendio participaron dous axentes, tres motobombas, dous helicópteros e seis brigadas.
No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 44 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.