O Concello de Sanxenxo recoñecerá nunha gala o labor solidario dos voluntarios municipais
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo conmemorará o xoves o Día Internacional do Voluntariado, decretado en 1985 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, durante un acto no que se recoñecerá o labor que desempeñan os colaboradores da Oficina Municipal de Voluntariado.
Con esta iniciativa, que terá lugar ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, dende a Concellaría de Benestar Social preténdese xerar unha conciencia solidaria co fin de involucrar a cidadanía na acción que, individual ou colectivamente, contribúa a mellorar o ámbito.
A cantante Noelia, finalista do programa de televisión 'Luar', actuará nesta xornada, na que tamén participará o grupo de ximnasia rítmica do colexio Abrente e o colectivo de zumba de Adina.
A concelleira delegada desta área, Isabel González, sumarase a esta celebración na que unha das voluntarias municipais expoñerá a súa experiencia en cooperación internacional, mentres que o resto dos integrantes da OMV relatarán as razóns que os levaron a implicarse neste proxecto.
Posteriormente, os máis de 30 protagonistas desta xornada, que contan con idades que van dende os 16 aos 73 anos, compartirán unha cea de confraternidade en Á Casa Vella de Miro Pereira (Portonovo), na que haberá un sorteo de regalos.