Incautan dúas toneladas de peixe e marisco, na súa maioría centola, nos últimos días
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, incautáronse de 231 aparellos de pesca e comisaron preto de dúas toneladas de diversas especies, na súa maioría centola, nécora e polbo durante a pasada semana.
Os axentes desenvolveron diversos operativos en Viveiro, Ferrol, A Coruña, a Costa da Morte e nas rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, algúns deles en colaboración coa Policía Autonómica. A centola, con 1.392 quilos comisados, foi a especie máis requisada nos días previos á apertura da campaña, que foi onte para as provincias da Coruña e Pontevedra.
En concreto, a Ría de Pontevedra foi escenario de dúass actuacións diferentes que se saldaron coa incautación de cinco nasas e oito viveiros e o comiso de 69,2 quilos entre centola, nécora e camarón. A Policía Autonómica colaborou cos gardacostas nun operativo levado a cabo en Aguete, Bueu, Aldán, Portonovo, Sanxenxo e Combarro.
No tocante á Ría de Arousa, os gardacostas fixéronse con 66 nasas e 26 quilos de polbo e nécora. Foi no transcurso de dous operativos desenvolvidos en Sávora, Umias e o illote Corbeiro. Mentres que, na Ría de Vigo, os axentes desenvolveron cinco operativos nos que requisaron 17 aparellos ilegais e 1.073,7 quilos de varias especies, das que 1.050 quilos eran de centola.
Operativos tamén nas Rías Altas
En Burela os axentes requisaron oito quilos de percebe e en Ferrol, tras realizar unhas inspeccións na enseada de Cariño, A Cova e o Porto Exterior de Ferrol, fixéronse con 11 nasas e dous quilos de santiaguiño, que devolveron ao mar. Na Coruña requisáronse máis de 20 quilos de centola e rape e un saco.
Na Costa da Morte leváronse a cabo cinco operativos que deron como resultado a aprehensión de 22 aparellos -case todo viveiros- e o comiso de 442,5 quilos de diversas especies, na súa maioría centola, nécora e polbo.
Por último, na Ría de Muros-Noia incautouse un total de 101 útiles, nas súa maioría nasas e 134,5 quilos de varias especies, case todo centola. Todas as especies foron devoltas ao mar. Alí os gardacostas desenvolveron tres operativos, dous deles en colaboración coa Policía Autonómica.