Flores nomea nova directora de Atención Primaria da área sanitaria á doutora Marta Ocampo
Por Redacción
A doutora Marta Ocampo foi nomeada como nova directora de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, completando a renovación do equipo directivo que dirixe José Flores, que asumiu a xerencia da área o pasado 4 de agosto.
Xunto a ela chega a tamén doutora Susana Romero, que ocupará a dirección asistencial da área.
Ambos os nomeamentos foron notificados por Flores aos sindicatos da área na primeira reunión técnica que o novo xerente mantivo cos representantes dos traballadores.
Ocampo, que actualmente era medico do servizo de admisión do Complexo Hospitalario de Pontevedra, prestou servizo como médico de familia en Marin, Rodeiro e A Illa de Arousa e, como médico de urxencias extrahospitalaria fíxoo en Cambados, Lalín ou Vilagarcía. Desempeñou ademais a dirección médica de Atención Continuada na área de Pontevedra.
A nova directora asistencial, pola súa banda, preside a Sociedade Galega de Reumatoloxía. Especialista nesta especialidade, Romero era na actualidade xefa do servizo de Reumatoloxía no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Ademais é presidenta do Comité autonómico de Ética en Investigación en Galicia e vicepresidenta da Sociedade Española de Reumatoloxía, que presidiu ata hai catro anos.
Estes nomeamentos enmárcanse dentro dos cambios que José Flores está a introducir no equipo directivo da área de Pontevedra tras o cesamento do anterior xerente, José Ramón Gómez, ao que substituíu no medio dun gran malestar dos profesionais sanitarios.
Este martes José Flores trasladaba esta información aos representantes sindicais durante a reunión coa Comisión de Centros. María Torre Almón, de Prosagap, manifesta que as referencias que teñen das novas directoras é que son competentes e traballadoras. En todo caso, algúns sindicatos, entre eles Prosagap, reclamaron un cambio na Dirección de Enfermería e en Recursos Económicos, ademais do nomeamento dunha persoa que se encargue da área de Recursos Humanos para xestionar a mobilidade interna. O novo xerente comprometeuse a que estes traslados estarán resoltos a finais do mes de outubro, á marxe de que se incorpore unha persoa responsable deste departamento.
Flores tamén lles indicou que se atenderán as propostas dos traballadores á hora de resolver as situacións de falta de profesionais para atender algúns PAC e, segundo recoñecen os representantes sindicais, desde a súa toma de posesión está a evitarse o cambio de profesionais entre Puntos de Atención Continuada, que sucedía coa anterior xerencia con modificacións de quenda e asignacións de última hora. Na reunión expúxose que ata finais de setembro non se saberá cuantos médicos dos 106 médicos de categoría de especialista en primaria que se incorporan en Galicia permanecerán na área de Pontevedra.
Segundo os sindicatos, Flores Arias tamén se comprometeu a manter reunións periódicas e afirmou que o seu despacho estará aberto aos sindicatos. As próximas reunións coas Comisións de Centro serán o 6 e o 8 de setembro. Torre Almón afirma que nesta toma de contacto inicial ofreceu bo talante e asumiu o compromiso de buscar solucións á falta de medios e de profesionais na área sanitaria.