O 8 de setembro arrincará para todos os ciclos, salvo o universitario, o curso escolar 2022-23. Así que antes de entrar aos centros educativos, esta vai ser a primeira das novidades ata o mes de xuño.
E desta primeira, dúas das afirmacións que manifesta o invitado ao programa 'Cara a cara' é que con esa unificación "a conciliación estará algo máis garantida", pero ao mesmo tempo as modificacións da duración do curso que tamén se aplican supoñen que "a vida é máis fácil para todos menos para o alumno".
Quen se explica e opina é Rogelio Carballo Solla, presidente daFANPA de Pontevedra. Preguntámoslle igualmente polas repercusións que poida ter ou non o decreto de aforro enerxético nos colexios e institutos, polo peche de centros respondendo o cociente de alumnos, ou a reclamación que reiterou o sindicato SATSE para que se implementen as enfermeiras escolares, figura que esta FANPA solicitara a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular xunto a outros colectivos.
No ámbito curricular, comézase a aplicar nos cursos impares a LOMLOE ou tamén chamada Lei Celáa. En xeral e nos diferentes ciclos aos que afecta, Carballo expón luces e sombras desta normativa.
Aplicar un sistema educativo coa hiperespecialización que expón é útil para o futuro laboral que xa se está evidenciando?, é a sociedade esixente co sistema educativo público español?, é máis laxa esta Lei coa adquisición de competencias por parte do alumnado?, son algúns interrogantes que se abordan no podcast de PontevedraViva Radio.
E como engadido a todo ese debate, unha máxima que non deixa lugar a dúbidas: vai ser un curso máis caro, entre un 10 e 15% superior e non só repercute en material escolar, libros, equipamento téxtil... tamén en servizos como o do comedor escolar do que precisa a situación á que fan fronte desde a FANPA.