Poio mellora os estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción
O goberno municipal de Poio está a acometer a mellora de máis dunha ducia de prazas reservadas para o estacionamento das persoas con problemas de mobilidade, que se emprazan nas parroquias de San Salvador e San Xoán.
A edil Marga Caldas explicou que estes traballos comezaron hai varios días e que se prevé que finalicen ao longo do mes de setembro, xa que actualmente a empresa responsable das tarefas cesou temporalmente a súa actividade por vacacións.
Esta actuación permitirá mellorar o pintado, habilitar ramplas de acceso e arranxar todas aquelas deficiencias detectadas.
Para esta tarefa, o Concello traballa de forma conxunta coa Asociación Amizade, que segundo Caldas, "é a que nos dá traslado das peticións para a realización destas obras nas diferentes reunións de traballo que temos cos seus responsables de xeito periódico".
A responsable municipal incide na importancia de acometer estas actuacións e sinala que a previsión é continuar realizándoas en todos os emprazamentos nos que sexa necesario.
Ademais, con respecto ás críticas realizadas polo Partido Popular sobre estes traballos, a edil do BNG afirma que "son moi rápidos á hora de criticar uns arranxos que acomete o Concello e que aínda non están rematados, pero, sen embargo, non se atreve a denunciar o enorme déficit que teñen as estradas PO-308 e PO-303 en materia de mobilidade e accesibilidade".
Ambas estradas, recordou Marga Caldas, requiren de "actuacións ambiciosas" por parte da Xunta de Galicia, como titular de ambas vías.