Solicitan licenza para derrubar outro edificio na rúa do Rouco
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Urbanismo do Concello de Pontevedra recibiu a solicitude de demolición do edificio situado no número 5 da rúa do Rouco, onde se atopaba unha oficina de Abanca, á beira do colexio de Barcelos.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, lembrou que a área de urbanismo está a axilizar varias solicitudes de demolición na cidade e que nesta rúa do Rouco xa se realizou outra demolición, nun solar no que se están executando obras de construción dun edificio.
En tramitación tamén están outras licenzas de demolición que afectan a unha decena de edificios, algunhas vinculadas a próximos desenvolvementos inmobiliarios mentres que outras responden a requirimentos do propio Concello aos propietarios polo mal estado de conservación dos inmobles como sucedeu na Rúa da Barca 9, derrubado nos últimos días.
Entre as licenzas de demolición solicitadas están as do edificio situado en Gutiérrez Mellado 3, que dá acceso ás Galerías Oliva, outra nun edificio abandonado na rúa Pilar Bértola con Cornelius de Holanda que quedará como espazo libre.
Na rúa Alfonso XIII será derrubado o inmoble situado no número 6 para dar paso a un novo edificio, do mesmo xeito que pasará en Cobián Roffignac 14, en Virxe do Camiño 8, na avenida da Estación 14 e a rúa Eduardo Blanco Amor 88.