O goberno provincial asegura que a Deputación cumprirá o seu obxectivo de 'Débeda Cero' no horizonte do 2018
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou cos votos a favor do Partido Popular e o rexeitamento de PSdeG e BNG, os presupostos da institución para 2014, que ascenden a 145,9 millóns de euros, isto son 2,5 millóns menos que o ano pasado.
Na súa defensa das contas provinciais o voceiro popular, José Manuel Figueroa, sinalou que a súa proposta económica "continúa a senda da redución da débeda e o aforro responsable". E que aposta pola xeración de emprego, as prestacións sociais e o apoio aos municipios máis necesitados. "Para financiar este presuposto, non acudiremos a préstamos e, polo tanto, non haberá incremento de débeda. Destinaremos 14 millóns á amortización da nosa débeda. Esta operación permítenos asegurar que a Deputación cumprirá o seu obxectivo de 'Deuda Cero' no horizonte do 2018", dixo Figueroa.
O deputado popular explicou que non son uns presupostos expansivos, "porque aínda non poden selo. Pero si son o que deben ser: reais, coherentes e acordes cos novos tempos".
Pola súa banda o grupo provincial do BNG solicitou que o presuposto recupere en convenio co Concello de Vigo e o PSdeG centrou o seu discurso en criticar "a falta de transparencia" nos criterios de contratación dalgúns plans de emprego da Deputación.
O presidente provincial, Rafael Louzán, rexeitou estas críticas dos deputados do PSdeG comparando os plans de emprego da institución provincial cos do seu homólogo na Deputación de Lugo, o socialista José Ramón Gómez Besteiro.
Segundo Louzán o presidente da Deputación de Lugo diferencia os parados en función do municipio no que residen e prevé a contratación dunhas oitenta persoas durante quince meses en municipios de menos de 5.000 habitantes, unha medida que só beneficiará a doce municipios da provincia, once deles gobernados por socialistas e nacionalistas e tan só un con alcalde do Partido Popular. ''Se isto o fai un tal Louzán, que pasaría? Pero quen o fai é o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro'', afirmou Rafael Louzán, ''esta ben que os socialistas repartan aos seus pero que deixen aos demais '', engadiu.
O voceiro do grupo provincial do PSdeG, e secretario provincial dos socialistas, Santos Héctor, eludiu entrar en debate sobre este asunto e limitouse a citar que o presuposto da Deputación de Lugo ten 92 millóns de euros e o de Pontevedra se eleva ata os 146, ''ademáis Lugo ten o 13% de paro fronte ao 23,4% de desemprego da nosa provincia''.
Relacionadas:
-
O Concello de Vigo advirte dunha "ameaza de moción de censura" pactada por Louzán e o BNG en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno da Deputación aprobará este venres os seus orzamentos
Por Redacción |
-
A Deputación reduce o seu orzamento para 2014 e decide priorizar investimentos e plans de emprego
Por Redacción |
-
Louzán deféndese no Parlamento das acusacións de "caciquismo"
Por Oskar Viéitez |