Sogama financiará con preto de 150.000 euros proxectos ambientais en Vilanova de Arousa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/783/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/62f665109c-sogama-01.jpg)
© Xunta de Galicia
A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), empresa pública da Xunta de Galicia, destinará ao redor de 150.000 euros a cofinanciar varios proxectos municipais de utilidade pública e con carácter ambiental no Concello de Vilanova de Arousa. A intención é mellorar a calidade de vida da cidadanía da zona.
O acordo asinábase este venres entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o alcalde Gonzalo Durán. Este convenio de colaboración forma parte do proxecto de construción por parte da Xunta dunha nova planta de compostaxe en Vilanova.
Cos fondos que se van a destinar a estes proxectos estenderase a rede de saneamento en Fontenla; ademais de mellorar o firme nos accesos aos lugares de Romarís e Fontenla; ao que se suma a limpeza e mellora da drenaxe en vías municipais. As obras mellorarán o tráfico e contribuirán a que Sogama poida prestar un mellor servizo neste Concello a partir da instalación de contedor marrón destinado a recoller de maneira diferenciada a materia orgánica para a súa transformación en compost.
A planta de Vilanova prevista dentro do plan que proxecta Sogama supoñerá un investimento de case 18 millóns de euros para dar servizo a 25 municipios do eixo atlántico sur. Instalarase no polígono industrial de Baión, onde a empresa pública adquiriu sete parcelas cun total de 20.000 metros cadrados de superficie.
Neste recinto trataranse 15.000 toneladas anuais de materia orgánica recollida de residuos domésticos e outras 7.000 toneladas de material estructurante. Finalmente elaboraranse 6.000 toneladas ao ano de compost de alta calidade, segundo informa a Xunta. Este compost será utilizado para agricultura e xardinería en lugar dos fertilizantes artificiais.
As obras está previsto que se inicien a finais do mes de setembro ao contar xa con todas as autorizacións precisas.