A Deputación aproba novos investimentos nos concellos con fondos propios e dos Next Generation
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno investimentos por 800.000 euros destinadas a tres concellos da provincia.
Segundo detallou en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aprobáronse 116.000 euros do Plan Concellos para Salceda de Caselas que se destinarán á mellora de camiños.
Ademais en Ponte Caldelas adxudicáronse obras de mellora por 680.000 euros na estrada provincial EP-0407 (que comunica Borela e Ponte Caldelas) e en Mos adxudicouse por 447.000 euros o proxecto da primeira fase da reforma da estrada EP-2601 que une Mos e Puxeiros.
NEXT GENERATION
Carmela Silva tamén informou da adxudicación por 360.000 euros das primeiras accións dos proxectos "Commerce Inside" e "Na túa man", impulsadas cos fondos europeos Next Generation para transformar as zonas comerciais de 22 concellos.
Entre os beneficiarios de "Da túa man" están Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Gondomar e Salceda de Caselas. Este programa, dotado con 1.066.085 euros, créase para reactivar, transformar e adaptar ás novas tecnoloxías o comercio de proximidade, coa instalación de puntos de recollida intelixentes, cargadores solares, sistema de recollidas e habilitación de plataformas de big data para mellorar o servizo ao cliente.
En canto a "Commerce Inside", desenvolverase en Caldas de Reis, Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Nigrán, Cambados, Sanxenxo e Grove, cun orzamento global de 1.097.350 euros destinados a dotar de ferramentas como a dixitalización do sector, a sustentabilidade, a economía circular e a formación en idiomas ao comercio retallista, buscando afrontar os retos competitivos do futuro vinculados á actividade turística.
EFICIENCIA ENERXÉTICA
Por último, nesta mesma comparecencia Carmela Silva anunciou que o goberno provincial ha dado "luz verde á contratación de actuacións de mellora da eficiencia enerxética en 23 concellos con fondos do IDAE".
Precisamente o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), un organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, achega o 80% do investimento e o resto será cofinanciado pola Deputación e os 23 concellos beneficiarios destas axudas de entre 150.000 e 250.000 euros coas que se substituirán 8.512 puntos de luz exteriores por lámpadas LED cun aforro medio do 70%.