Adxudicadas as obras para reparar a canalización de pluviais na glorieta de acceso a Montecelo
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informa da adxudicación das obras para reparar e conservar a canalización de augas pluviais na estrada PO-532, no municipio de Pontevedra, que conecta coa Ronda Leste. Trátase de traballos que se acometerán na glorieta de acceso ao Hospital de Montecelo co obxectivo de evitar problemas de filtracións.
A empresa Canalis Solucións Tecnolóxicas S.L. será a encargada de realizar nas próximas semanas estas obras, adxudicadas por preto de 40.400 euros.
A actual canalización está composta por un colector de formigón de 400 mm de diámetro, que provoca filtracións ao terreo e afecta a edificacións situadas nas proximidades, segundo indica a Xunta de Galicia, ao longo de 130 metros.
Este colector atópase baixo a calzada e non resulta viable abrir unha gabia para cambiar o tubo por outro novo, xa que afectaría a unha estrada con tránsito para acceder ás distintas instlacións situadas en Montecelo. Por este motivo, a reparación realizarase desde o seu interior, a través do encamisado con manga de fibra de vidro.
Está prevista a inspección da tubaxe cun equipo robotizado e procederase á súa limpeza coa aspiración de residuos utilizando un camión reciclador de augas combinado de alta presión. Tamén se empregará un robot fresador autopropulsado. A estes traballos unirase a realización dun by-pass con equipo de bombeo provisional, e o encamisado do colector executarase con manga continua autoportante, de fibra de vidro e poliéster. Segundo a Xunta, con esta intervención obterase un novo tubo interior ao existente, estanco e sen xuntas.