Árabe, chino mandarín e romanés, idiomas maioritarios das inmigrantes vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
Vintecatro mulleres inmigrantes e residentes na provincia de Pontevedra foron atendidas, entre xaneiro e setembro desde ano, no servizo de teletradución instalado pola Xunta de Galicia nos centros de información á muller, nas casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e nas entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido.
Árabe, chino mandarín e romanés foron os idiomas máis demandados durante o primeiro semestre deste ano, aínda que tamén se precisou comunicación en outros doce idiomas diferentes. Amais dos tres citados, tamén se atendeu, entre outros, en wolof, polaco, chino cantonés, tailandés e marroquí, do total dos 51 idiomas dispoñibles no sistema.
A teletradución da apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
A través da plataforma de teletradución, Igualdade quere dar resposta ás novas características poboacionais derivadas da inmigración, asegurando que estas mulleres teñan un acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.
O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.