Gran participación no programa 'Andainas' de Sanxenxo
Por Redacción
A Concellaría de Deportes celebrou este xoves unha nova sesión do programa 'Andainas' rexistrando unha vez máis un grande éxito de participación nesta actividade orientada a animar os veciños do municipio a practicar exercicio moderado, gozando para iso dos espazos públicos do concello.
O próximo mes de decembro haberá novas convocatorias previstas para os mércores 11 e 18, que comezarán ás 9.30 horas e que partirán do paseo de Baltar, á altura do Centro Municipal de Servizos Sociais.
REPOSTARÍA CREATIVA
O Centro de Información á Muller do Concello de Sanxenxo clausurou o mércores o curso de repostaría creativa no que participaron unha vintena de persoas. A autora do blog 'A cociña do meu avó' e do libro 'Cociñando coas razas autóctonas', Rocío Garrido, foi a responsable de impartir as clases que se desenvolveron no Hotel Spa Oca Galatea.
Debido á ampla lista de espera creada para asistir a este curso dende o CIM estudan a posibilidade de realizar unha nova convocatoria no mes de febreiro.