A Feira de Doces de Convento invita a pecar no Mercado con praceres divinos
Por Redacción
A partir do 10 de decembro, o Mercado de Abastos será escenario no seu primeiro andar da Feira de Doces de Convento, unha cita coa repostaría relixiosa que promove a Concellaría de Promoción Económica cos obxectivos de completar a oferta turístico-feiral da cidade e de reforzar o tirón do Mercado durante o período previo ao Nadal.
A concelleira Carlota Román indicou que este evento obtería un éxito rotundo en calquera praza da cidade pero apuntou que "se o facemos no Mercado é para potencialo.
Esta primeira feira de Doces de Convento estará aberta de 10.00 a 14.30 e tamén polas tardes cun horario de 17.00 a 20.00 horas ata o 21 de decembro. As ordes relixiosas participantes foron seleccionadas polo Arcebispado de Santiago e o ente "Expoconventos" que colaboran na organización. Grazas á intervención arcebispal é posible adquirir nesta cita algúns produtos que nunca se venderon fóra dos conventos en que se elaboran.
Os setenta produtos que se poñerán á venda contarán con prezos moi variables que van dende os 2 ata os 13 euros que custan as caixas dos máis caros, que son as "Xemas de San Leandro" e os "Bocaditos de Almendras e Piñóns".
Entre os participantes nesta Feira destacan os seguintes conventos con estas preparacións de repostaría:
Beneditinas de Trasmañó (Redondela): doces variados.
Beneditinas de Cuntis: galletas e amendoados.
Dominicanas de Viveiro: "Torta Real" (parecida á de Santiago pero cuberta de améndoa fileteada). Turróns. "Amarguillos" (parecidos ao mazapán). "Cordiais" (recheos de cabelo de anxo)
Beneditinas de Santiago: Amendoados que se venden nunha caixa cun botafumeiro.
Dominicanas de Santiago: "Belvises": posiblemente as mellores pastas de té de Galicia
Clarisas de Coín (Málaga): Turróns galardoados co premio de innovación do Club do Gastrónomo: "Hugolinas" (un brownie con noces). "Tortas de Asís" e Bocaditos de Almendras e Piñóns
Clarisas de Estepa (Sevilla): Convento coa primeira pastelaría de España, datada no ano 1599. Manteigadas con receita orixinal. "Pasteis de gloria" (mazapán con cidra).
Agostiñas de Sevilla: Responsables das famosas "Xemas de San Leandro". Cada xema require 10 minutos de elaboración segundo a receita de 1763.
Clarisas de ÿbeda (Xaén): Das mellores madalenas de repostaría monacal. Elaboradas con aceite autóctono.
Agostiñas Fregenal (Badaxoz): Receitas do século XVII entre as que destacan as "Perrunillas", unha pasta dura de améndoa.
Clarisas de Rolda (Málaga): As Barras de Mazapán teñen unha importante fama e o batido da masa realízase polo ritual do "rezo" e non por tempo.