A recuperación de García Escudero esténdese aos restos da vella ponte do Burgo
Por Natalia Puga
Os traballos para a recuperación do xacemento arqueolóxico da praza de Valentín García Escudero seguen dando pasos e desde este mércores estendéronse á cabecera sur da ponte do Burgo, os restos da estrutura orixinal. Tras inaugurarse a praza o 25 de outubro, agora continúan os traballos de conservación, mantemento e limpeza da zona e empezaron a recuperación dos restos da ponte.
O concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, deu conta das últimas actuacións realizadas sinalando que a situación actual do proxecto de musealización "cumpre as espectativas que tiñamos e máis alá".
En relación coa recuperación dos restos da ponte do Burgo, explica que foron contratados á empresa Tomus por un orzamento de 3.425 euros e prevese que duren unha semana. Escolleuse a semana actual polo bo tempo, pois é necesario que non chova para realizar traballos como o pintado das estruturas e puntais.
Bará sinala que estes traballos "son necesarios para poder rematar esta actuación, para facer a fotografía definitiva" do espazo arqueológico, pero que non se descoidarán as tarefas de mantemento e limpeza. Realízaas de forma semanal a empresa especializada BIC.
O Concello planea un ambicioso proxecto para peatonalizar e recuperar o aspecto histórico da ponte, pero non está relacionado con esta actuación, senón que será algo independente.
Relacionadas:
-
Proxectan a reforma da contorna da ponte do Burgo coa posibilidade de eliminar a gasolineira
Por Redacción |
-
Barcos de papel na apertura do parque infantil da Praza Valentín García Escudero
Por Mónica Patxot |
-
Valentín García Escudero, o "quilómetro cero" da Pontevedra romana, estrea o seu novo aspecto
Por Alejandro Espiño |