O talento feminino que saca á luz Descúbreas loce no Pazo Provincial
Por Redacción
A escalinata exterior do Pazo Provincial na avenida Montero Rías de Pontevedra acolleu na noite deste mércores a gala final da segunda edición do programa da Deputación Provincial de Pontevedra 'Descúbreas', unha cita na que as 8 mozas mentorizadas presentaron os seus traballos ao carón do coro gospel dirixido pola cantante e produtora Rebeca Rods.
O colofón da gala chegou con estas voces do coro de gospel e das mozas mentorizadas interpretando 'Respect', o tema orixinal de Otis Redding que Aretha Franklin converteu en himno feminista.
A gala foi un escaparate dos logros desta iniciativa provincial que busca apoderar ás mozas para que poidan desenvolver carreiras profesionais na música e loitar así coa fenda de xénero no sector. E, como toda gala que se preste, contou con moqueta para recibir aos participantes, neste caso, dun lila feminista.
Ante o público congregado na avenida de Montero Ríos, Ane Fonseca, Alba Nogueira, Sara Baños, Sara Casas, Marina Vigo, Amparo Mosqueira, María Gabeiras e Carolina Lemos presentaron os vídeooclips dos temas cos que inician a súa carreira musical.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que esta gala foi a mellor mostra da "calidade" e o "talento musical feminino" na provincia de Pontevedra, que a institución provincial quere "axudar a descubrir".
"O éxito de Descúbreas é incontestable”, destacou Carmela Silva, que sinalou que xa se están a ver os resultados deste programa coa participación de varias das mozas da primeira edición en distintas actuacións e neste 2022 nos Rías Baixas Fest.
A presidenta provincial está convencida de que este programa está a crear un directorio de artistas, "facilitándolles os duros inicios da súa carreira" e a provincia pode presumir da súa creatividade e traballo. "Non hai máis que ver como soan as protagonistas nesta gala e a diversidade dos seus estilos", engadiu Silva, en alusión a que a música destas mozas abarca diferentes estilos, desde as baladas pop ao indie, pasando pola fusión do folk galego co jazz melódico e a canción de autora.
Non quixo esquecer que as estatísticas aínda amosan a desigualdade das mulleres na industria da música, pero amosouse convencida de que "con proxectos como este estamos a poñer o noso grao de area para facilitar que muden os tempos".
A gala estivo conducida por Law e o Rebeca Rods Gospel Ensemble interpretou varios temas durante a gala, que se foron intercalando cos vídeos e as entrevistas das rapazas mentorizadas.
Relacionadas:
-
A Escola de Igualdade María Vinyals dedica unha xornada ao emprendemento feminino e á innovación
Por Oskar Viéitez |
-
'Descúbreas' lanza novos temas e a 'Escola de Letras' abre as inscricións para o obradoiro de Elvira Ribeiro
Por Redacción |
-
"Descúbreas" pecha a súa segunda edición cunha gala na escalinata exterior do Pazo provincial
Por Redacción |
-
A segunda edición de "Descúbreas" transforma o Pazo Provincial nunha sala de concertos
Por Redacción |
-
Descúbreas presenta a súa segunda edición cun concerto exclusivo no Pazo Provincial
Por Redacción |