Buscan "sentinelas da costa" para rexistrar os cambios no litoral das Rías Baixas
Por Redacción
Con puntos de monitorización en praias das illas Cíes, Vigo, O Grove, Muros ou Bueu, o proxecto Sentinelas da costa busca que a cidadanía desenvolva un papel activo na vixilancia dos cambios que sofren as praias e a liña de costa.
Trátase dun proxecto de ciencia cidadá impulsado pola Universidade de Vigo, na que tamén están implicadas a Universidad de Cádiz, o ICTS-Sistema de Observación Costero de las Illes Balears e o Institut de Ciències del Mar-CSIC.
O obxectivo é que os voluntarios poidan informar, a través dunha aplicación móbil, de como van cambiando os areais e dos procesos de dinámica costeira.
Sentinelas da costa enmárcase no proxecto internacional CoastSnap, un innovador sistema comunitario de seguimento de praias en varios continentes, deseñado para capturar e medir a dinámica do litoral obtendo os datos a través das fotografías que envían os visitantes dos areais.
"Trátase de aproveitar a realidade actual na que vivimos, un mundo permanentemente conectado, no que calquera cidadán dispón dun dispositivo móbil que lle permite capturar calquera aspecto da contorna que o rodea", segundo a súa coordinadora, Rita González Villanueva
Na APP os usuarios poden reportar, ademais de imaxes, información de tipo xeomorfolóxico ou sobre a presenza de verteduras, lixo ou arribazóns de algas.
De cara a buscar estes voluntarios, a Universidade de Vigo, en colaboración co Concello de Bueu, celebrará unha xornada no Centro de Interpretación de Agrelo o vindeiro 30 de xullo ás 11:00 horas.
Esta praia é unha das que xa forman parte da rede internacional de areais de CoastSnap e nela sitúase dende hai un ano unha base na que as persoas que se acheguen poden colocar os seus teléfonos móbiles para tomar unha foto da evolución da praia e compartila nas redes sociais usando o cancelo #coastsnapagrelo xunto á hora na que foi tomada.
Todas as instantáneas forman parte da base de datos comunitaria na que quedarán rexistrados os cambios da praia capturados dende a mesma posición e ángulo de visión.
As persoas que desexen participar nesta actividade de formación gratuíta, deberán inscribirse previamente a través dun formulario dispoñible na web municipal, ou tamén no teléfono 986390029 (ext. 2).
Relacionadas:
-
Anduxía propón un retranqueo do paseo de Agrelo para evitar os reiterados derrubes
Por Redacción |
-
Queren instalar puntos para estudar os cambios da praias de Bueu con fotos sacadas polos cidadáns
Por Oskar Viéitez |
-
Carabuxeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Punta Vicaño están vixiados polos "Sentinelas do Mar"
Por Redacción |
-
A Illa de Ons colga o cartel de completo ata o 7 de agosto
Por Redacción |