Pontevedra quere ser cidade libre de hepatite C en 2024
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra adheriuse formalmente a #hepCityFree, unha campaña que anima a acelerar a eliminación da hepatite C, de forma que no horizonte do ano 2024 os casos de infección sexan practicamente residuais.
A través dunha declaración institucional, que leu no pleno o doutor Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra, a corporación comprometeuse a apoiar a loita contra esta enfermidade, para a que non existe vacina.
A este respecto, a cidades son, segundo os expertos, fundamentais para acelerar a eliminación da hepatite C, pois nelas rexístrase o maior número de persoas que viven co virus.
Sumarse a #hepCityFree levará a Pontevedra a colaborar en campañas de sensibilización e cribados entre a poboación de 40 a 65 anos, en iniciativas encamiñadas a reducir prácticas de risco ou en impulsar políticas de prevención entre os colectivos máis vulnerables.
Ademais, o goberno municipal comprométese a facer cumprir as condicións hixiénico-sanitarias adecuadas en establecementos que fagan tatuaxes ou realizar estudos que demostren os resultados dos programas realizados na cidade.
"O reto que temos é de simplificación, integración e descentralización, e por iso, os concellos poden ter un papel crave para chegar, desde os servizos comunitarios e xunto aos axentes e ONG que traballan na cidade a aqueles colectivos de risco que, ou ben chegan tarde, ou non chegan, ao sistema sanitario", explicou o doutor Turnes.
Relacionadas:
-
O Plan galego de eliminación da Hepatite-C é un "referente mundial"
Por Redacción |
-
Hai 120 pacientes na área sanitaria de Pontevedra diagnosticados con colanxite biliar primaria
Por Redacción |
-
Petición unánime para que o Estado ceda a Galicia as competencias sobre o litoral
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra retira ao Marqués de Valterra a súa rúa en Estribela
Por Alejandro Espiño |