O PP pide ao Concello que rebaixe "de oficio" o prezo do parking da praza de España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A concesionaria do aparcamento situado baixo a praza de España mantén uns "elevados prezos" para os usuarios, segundo denuncia o Partido Popular. De aí que pidan ao goberno municipal que realice unha revisión de oficio da última modificación do contrato polo que Empark explota ese aparcamento.
Aquela modificación das condicións da concesión aplicouse, denuncia Jacobo Moreira, cos informes contrarios do secretario do pleno e do interventor municipais, "algo que hoxe resulta lamentablemente case xeneralizado á hora de decidir prórrogas ou renovacións de servizos" no Concello de Pontevedra.
O PP insiste en que a modificación da concesión aprobada polo equipo de Fernández Lores en 2009 fíxose sen o preceptivo ditame do Consello Consultivo de Galicia, necesario polo elevado montante do contrato. Ademais, indican que a revisión de prezos dobra ao incremento do IPC desde a adxudicación da obra en 2001, que aquela modificación alterou enormemente o contrato, co que terían que ter convocado de novo o obrigatorio concurso, e que ningún informe municipal xustificaba aquela operación.
A revisión de oficio que demanda o Partido Popular permitiría, destacan os populares, unha "notable rebaixa" das cotas que abonan os usuarios tanto polo aparcamento en rotación como pola adquisición de prazas en concesións de 50 anos.