As obras na estrada provincial Portela-Couselo inclúen un sistema de drenaxe para as augas pluviais
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, comprobou este sábado o avance das obras de mellora da seguridade viaria na estrada EP-8405 Portela-Couselo, licitadas pola Deputación de Pontevedra cun orzamento superior aos 114.858 euros.
Manuel Campos sinalou que a humanización integral deste vial "vai supor un antes e un despois para este treito que xa está a gañar atractivo e mellorando a imaxe dun acceso os núcleos de Portela e Couselo e, ao mesmo tempo, incrementará a seguridade viaria e a comodidade de circulación".
As obras, que actúan sobre o firme do vial, melloran tamén a drenaxe do terreo evitando que as augas pluviais danen o asfalto.
O alcalde de Cuntis Manuel Campos destacou que este proxecto "é moi necesario por tratarse dunha vía de comunicación moi utilizada polos veciños e veciñas que actualmente presenta un pavimento asfáltico que precisa unha mellora debido ao seu mal estado de conservación provocado polo paso do tempo".
Campos agradeceu de novo o compromiso da Deputación de Pontevedra "que está sendo unha ferramenta fundamental para dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza".