O "enorme esforzo" da Deputación para evitar incidentes nas pontes pontevedresas como o derrube na A-6
Por Natalia Puga
A Deputación Provincial de Pontevedra ten en marcha un proxecto que supón unha "clara aposta de política preventiva" en materia de pontes. Trátase dunha iniciativa que leva xa en marcha desde febreiro de 2021, cando empezou o proceso de adxudicación, e que empezou a traballar de xeito efectivo en abril dese ano. Polo tanto, xa empezaran a traballar antes de que se produciran os incidentes no viaduto de O Castro da A-6 ubicado entre as provincias de Lugo e León.
Aínda que a Deputación evita facer alusión directa a casos concretos, este proxecto está enfocado a evitar incidentes como eses derrubamentos a través da revisión de todas as pontes da rede viaria pontevedresa, un total de 260 de titularidade da Deputación e 95 doutras administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Adif e Audasa), pero que son cruzamentos de estradas provinciais.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu conta este venres dos traballos, que está previsto que rematen en abril de 2023, tras dous anos de estudos, e destacou o "enorme esforzo" que está a facer a Deputación Provincial para "previr calquera acontecemento non desexable".
Carmela Silva destacou o "carácter pioneiro" deste estudo, que forma parte da aposta do actual Goberno da Deputación polo modelo de mobilidade segura e por unha "política preventiva e baseada en criterios técnicos en materia de conservación".
Unha vez que remate o traballo, a Deputación contará cun inventario e cun estudo completo, pero tamén cunha ferramenta de control, pois o proxecto inclúe a posta en marcha dunha aplicación informática específica que tratará toda a información e axudará a tomar as decisións preventivas para a conservación desde un punto de vista técnico.
As empresas especializadas Galaicontrol e Neto son as encargadas deste estudo, que xa analizou 118 pontes da Deputación e 67 doutras administracións. Así, xa foron estudadas o 46% das provinciais e o 71% do resto de infraestruturas e, como conclusión previa, Carmela Silva avanzou que "non descubrimos grandes deficiencias".
Detectáronse problemas en tres pontes nas que xa se realizaron actuacións urxentes para evitar un maior deterioro, na EP-2703 Pazos-Ponteraeas; na EP-6204 Portela-Antas de Ulla, en Rodeiro; e na EP-8501 Valga-Martores.
Este estudo tivo xa un antecedente previo, do ano 2019, relativo á ponte de Catoria que une as provincias de Pontevedra e A Coruña, que agora a Deputación tamén está a utilizar dentro do proceso de negociación para a transferencia á Xunta de Galicia.
A responsable provincial confía en que a transferencia sexa realidade "nun prazo razoable" e sinalou que a Deputación xa analizou este viaduto no ano 2019, nunha inspección especial previa ao actual estudo e cuxos resultados enviou á Xunta para pedirlle que asuma a súa titularidade. Segundo o informe, a integridade da ponte é satisfactoria e a previsión é que o seu mantemento durante a próxima década custe 128.000 euros .