O PP reclama o acondicionamento do Camiño do Cruceiro, en Campelo
Por Oskar Viéitez
O PP de Poio denunciou este martes en comisión de urbanismo o estado do Camiño do Cruceiro en Campelo e pediulle ao goberno local que "cumpra as súas obrigas dunha vez".
As concelleiras populares Rocío Cochón e Nati Torres visitaron o camiño e comprobaron que "lamentablemente, segue igual que cando nesa mesma comisión o PP trasladou a petición dos veciños esixindo ao goberno de Poio o seu acondicionamento urxente".
En febreiro de 2020 o PP recolleu as denuncias da veciñanza de que o camiño, situado fronte á Biblioteca de Campelo, necesitaba dun ancheamento para que fose posible o paso de vehículos de emerxencias.
"Pasados dous anos e medio, pasa o de sempre, a veciñanza cumpriu a súa parte cedendo os metros, pero o camiño segue sen estar acondicionado porque o Concello non fixo a súa parte e non o pavimentou", lamentaron as concelleiras.
As populares subliñaron que "é intolerable que os veciños poñan en risco a súa seguridade porque os camiños municipais non estean nunhas condicións axeitadas".