Máis de 60 persoas radioaficionadas comproban como sería unha caída de todas as comunicacións tradicionais de Pontevedra
Por Redacción
A Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) da Subdelegación do Goberno de Pontevedra realizou este sábado un exercicio de comunicacións para comprobar a operatividade e cobertura de radio en caso de emerxencia na provincia.
O simulacro iniciouno a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e, coa participación de máis de 60 persoas, recreou unha situación de emerxencia provocada por unha depresión illada en niveis altos (DINA) que causou a caída de todas as comunicacións tradicionais na demarcación provincial.
Maica Larriba lembrou que entre os obxectivos da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) atópase constituír un sistema de comunicacións alternativo e complementario ás redes de comunicación utilizadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior para dar resposta en caso de situacións límite.
Este exercicio busca avaliar a cobertura das comunicacións na provincia e comprobar a capacidade de coordinación das diferentes zonas nas que están organizados as persoas colaboradoras co obxectivo de detectar posibles deficiencias e propor melloras nos procedementos.
O Centro Operativo, situado no edificio principal da Subdelegación do Goberno, coordinou as comunicacións cos responsables de cada unha das cinco áreas nas que está organizada a estrutura da REMER na provincia.
Esta operación serviu tamén para avaliar o correcto funcionamento dunha nova antena repetidora, instalada nunha caseta da comunidade de montes de Padróns, en Ponteareas, que "mellora notablemente a cobertura e aporta unha maior estabilidade ás comunicacións, garantindo as mesmas ante calquera situación de emerxencia".
Pontevedra conta con máis de medio centenar de voluntarios integrados nesta rede, preparada para garantir as comunicacións ante calquera situación de emerxencia na provincia.
A Rede Radio de Emerxencia é unha organización complementaria da Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. A nivel provincial, depende dos respectivos Delegados e Subdelegados do Goberno nas diferentes Comunidades Autónomas e provincias. O seu labor fundamental consiste en achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións entre os distintos servizos implicados nos sinistros e proporcionar información ampla e puntual das circunstancias e evolución dos mesmos.
Esta rede cobra especial importancia cando as infraestruturas e instalacións terrestres presentan vulnerabilidade en certas situacións de especial emerxencia ou catástrofe; cando as telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas, conxestionadas ou desbordadas; ou cando existe unha falta de cobertura en zonas de emerxencia de lugares remotos.