![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/71d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62b34622ce-unnamed.jpg)
© Plataforma en Defensa do Centro de Saúde de Seixo
Presentan por rexistro no Parlamento Galego un paquete de medidas para "salvar a atención Primaria"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, participou este mércores da presentación no Rexistro do Parlamento Galego dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que contén “medidas urxentes para salvar a atención primaria.”
Nesta iniciativa denuncian os problemas da Atención Primaria, “como a substitución da consulta presencial pola telefónica, as dificultades para solicitar citas telemáticas para determinados colectivos sociaisr, as enormes listas de espera, o desmantelamento e peche de centros de saúde rurais ou os recortes de persoal", explican desde a plataforma.
Despois de rexistrar esta iniciativa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou Marín para presidir o acto de entrega de bandeiras azuis. O mandatario popular foi recibido na praia de Loira por varios membros da Plataforma cunha pancarta na que se demandaban un “segundo médico a tempo completo xa.”
Desde a Plataforma lembran que levan “máis de once meses sen ter cuberta a praza vacante do doutor xubilado” e que agardan a situación se complique no verán, cando o outro facultativo colla vacacións. "Non queremos que só haxa 4 horas de médico como o ano pasado para un cupo, o outro que quede sen cubrir e o facultativo faga o seu traballo esgotado e saturado porque iso repercute na atención sanitaria da veciñanza", denuncian.
A pesar de que o actual presidente da Xunta se achegou a falarlles, na plataforma percibiron que “non foi receptivo ás nosas demandas. Fala de que a culpa é do goberno central, de que outras comunidades están peor. Que hai peor ca non ter médico como ocorre en Seixo, en Marín e en tantos outros concellos? Debería darlle vergoña", critican.
Lamentan tamén non ter recibido o apoio da alcaldesa de Marín, María Ramallo, algo que contrasta co apoio prestado durante o acto por outras rexedoras como a de Moaña.