O centro histórico de Pontevedra, "estancado" como advirte o PP ou "esplendoroso" como defende o goberno?
Poden coexistir dúas visións antagónicas sobre o centro histórico de Pontevedra? Pois, aparentemente, si. Así quedou en evidencia no pleno que a corporación municipal celebrou este luns, a sesión ordinaria correspondente ao mes de xuño.
Sobre a mesa, unha moción coa que o PP reclamaba medidas para resolver as "muchas deficiencias" que, segundo Rafa Domínguez, existen nun ámbito de considera "estancado". Para o goberno municipal, BNG e PSdeG-PSOE, con todo o seu estado é "esplendoroso".
O portavoz do PP recoñeceu que os primeiros anos do goberno de Fernández Lores foron "buenos" para o centro histórico pontevedrés, pero agora "no tienen ninguna idea nueva" para mellorar este espazo "fundamental e histórico" da cidade.
Domínguez, entre outras propostas, pediu que se estuden cambios no Peprica, o seu plan de protección, para "facilitar" as rehabilitacións dos seus inmobles, ou que se outorguen axudas de ata 12.000 euros para animar aos propietarios para reformar as súas vivendas.
A retirada do cableado aéreo, máis "man dura" contra as pintadas, un aumento da presenza policial, a retirada dos contedores, unha mellor rotulación das rúas ou os puntos de interese e un plan ante a situación "crítica" do mercado son outras das súas medidas.
Desde as filas do BNG, César Mosquera refugou esta moción ao defender que "todo o que propoñen é o que está en marcha" nestes momentos, polo que acusou ao PP de ter un "descoñecemento tremendo" da cidade.
Tras pedir á oposición "un pouco de rigor", Mosquera asegurou que xa se está tramitando a modificación do Peprica, que a retirada dos contedores está contemplada no novo contrato ou que se identificaron a "moitos" autores das pintadas.
Ademais, apuntou que as axudas que se outorgan actualmente á renovación de vivendas, baseadas na eficiencia enerxética, son maiores que as solicitadas polo PP, ao chegar ata un máximo de 24.000 euros.
O centro histórico de Pontevedra, sentenciou o concelleiro nacionalista, é un "exemplo" de recuperación en numerosos congresos internacionais e o seu estado é "esplendoroso".
NOITES ABERTAS
A segunda moción presentada polos populares neste pleno, relativa ao programa Noites Abertas, correu a mesma sorte e foi rexeitada polo goberno municipal.
A iniciativa, defendida polo edil Guille Juncal, solicitaba ampliar a súa duración a todo o ano, repartindo as actividades en dous períodos, febreiro-xuño e setembro-decembro, ofrecendo unha oferta "máis potente, máis ampla e cunha maior variedade".
Alberto Oubiña, responsable de Xuventude, celebrou que o PP recoñeza que "é unha boa proposta", pero considera que está "desfasada" e nace do "descoñecemento" do traballo que se realiza, impulsado pola propia mocidade de Pontevedra.
Toda a tramitación de cada edición de Noites Abertas, dixo, "xa dura case todo o ano", aínda que as actividades se concentren nunha época determinada, fundamentalmente entre os meses das tempadas de inverno e primavera.
Ao pleno, que se celebrou no Pazo Provincial da Deputación, acudiu un nutrido grupo de traballadores municipais para esixir ao goberno "máis negociación e menos imposición" para abordar as cuestións pendentes en materia laboral.
Durante a sesión despregaron papeis lembrando que a relación de postos de traballo (RPT) do Concello é do ano 1999 e non está preparada para abordar as medidas necesarias que contribúan á modernización da administración municipal.