Primeira convocatoria Súmate de axudas a proxectos sociais da empresa encargada da recollida de residuos
Por Redacción
A compañía que actualmente se encarga de xestionar os contratos municipais de recollida de residuos e limpeza viaria e xardíns do Concello de Pontevedra, PreZero España, anuncia que lanza a primeira convocatoria Súmate. Trátase dun programa para axudar a proxectos sociais que busca mellorar as condicións de vida de persoas que se atopan en situación vulnerable e, ao mesmo tempo, axudar a mellorar a contorna de maneira sostible.
As Organizacións non gobernamentais e as fundacións de Pontevedra teñen a opción de presentar proxectos a este concurso ata o 7 de outubro de 2022. É necesario enviar un formulario que se recolle na web da empresa.
Os proxectos deben centrarse en dar resposta a retos sociais actuais a través de iniciativas que se centren en conservar ou mellorar o medio natural. Tamén poderán destinarse á inserción laboral e social de colectivos que se atopen en situación de vulnerabilidade dentro do marco da loita contra a pobreza e a exclusión.
Os proxectos serán elixidos polos empregados de PreZero España, unha empresa que en decembro de 2021 alcanzaba un acordo con Ferrovial para pechar a venda de Cespa, o negocio de Medio Ambiente con desenvolvemento en España e Portugal. Esta entidade ofrece servizos urbanos, tratamento e reciclaxe de residuos coa intención de reducir o consumo de materias primas e alongar o ciclo de vida útil, segundo indican desde esta empresa pertencente ao Grupo Schwarz, que tamén inclúe empresas doutros sectores como os supermercados Lidl e Kaufland.