Telmo Martín considera "incomprensible" que Costas se opoña ás competencias de Galicia sobre o litoral
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, o popular, Telmo Martín, amósase moi crítico coa postura do Goberno de España na súa negativa de ceder as competencias a Galicia sobre o litoral. "É incomprensible a postura que está a manter Costas. Unha cerrazón que está a poñer entre as cordas miles de postos de traballo e edificacións na nosa comunidade", asegurou.
Segundo recalcou, trátase de que Galicia poida decidir os usos e servizos que poden desenvolverse nos seus 2.091 quilómetros de perímetro costeiro "e ordenar, deste modo, unha explotación racional, cun maior coñecemento de causa do que o fai a administración estatal".
Martín xa expuxo a súa postura nunha reunión mantida o venres coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os alcaldes de Porto do Son e O Vicedo, na que se amosou "preocupado pola incerteza" que están a vivir moitos traballadores que teñen o seu emprego vinculado a zonas marítimo terrestres.
O presidente do PP de Sanxenxo agarda que o Goberno central "faga o que xa fixo noutras comunidades como Cataluña, Andalucía ou o País Vasco" e insistiu na preocupación dos alcaldes dos 82 concellos da costa galega.
"Non podemos seguir así nin un minuto máis. É de dereito que Galicia xestione o seu litoral", explicou.
Na mesma liña, cualificou de "escusa inconsistente" a modificación do Estatuto de Autonomía que esixen dende o goberno central. "Mañá mesmo poderíanse iniciar as negociacións se se quixera e se houbera vontade política", recalcou.