Detido un pontevedrés por insultar, queimar cun cigarro e pegar cunha vasoira a súa muller
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 46 anos foi detido pola Policía Local como presunto autor dun delito de violencia de xénero por agredir e insultar á súa muller, á que chegou a queimar o brazo cun cigarro.
Os feitos sucederon o pasado 29 de maio nunha vivenda da cidade e a detención foi posible grazas á colaboración cidadá, pois foi un veciño o que deu a alarma porque estaba a escoitar fortes golpes e berros.
Este veciño relatou que era "habitual" escoitar golpes e berros, pero neste caso escoitaba unha muller gritar e a caída de obxectos ao chan.
Nesta ocasión, cando os axentes chegaron ao domicilio observaron diversos obxectos de cristal rotos e esparexidos polo chan e a muller relatoulle o que sucedera.
Segundo explicou, chegou ao domicilio sobre as cinco da madrugada e dirixiuse ao dormitorio, onde o seu compañeiro sentimental estaba esperto e fumando sobre a cama.
Á súa chegada, comezou a insultala e a queimala cun cigarro nun brazo. A continuación, golpeouna co pau dunha vasoira.