PP e PSOE enfróntanse pola prohibición do uso das instalacións deportivas municipais a entidades privadas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular, a través do seu concelleiro responsable da área de deportes, Guille Juncal, denuncia que o Concello "vai deixar tirados" a 150 escolares, entre 3 e 14 anos, que participan no campamento multideporte que organiza A Casiña de Teo durante os meses de xullo e agosto.
Juncal explica que, ao longo de oito anos, antes da pandemia, se celebraba este campamento de verán sen problema con utilización das instalacións deportivas pertencentes ao Concello. Con todo, en 2021 prohibíase esta opción utilizando como "escusa" as medidas anti-covid, apunta. O concelleiro popular comenta que os escolares durante o pasado verán se viron obrigados a acudir aos baños da Facultade de Ciencias Sociais, mentres permaneceu aberta no mes de xullo. Denuncia tamén que os pequenos nin sequera podían acubillarse nas instalacións da Xunqueira nas xornadas de choiva.
Guille Juncal mantivo un encontro co concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que lle manifestou a existencia dunha ordenanza fiscal de 1989 que só permite alugar os espazos deportivos municipais a entidades sen ánimo de lucro ou clubs deportivos. O representante do PP considera que esta normativa se atopa "desfasada, ten os prezos en pesetas" e móstrase sorprendido porque o goberno local "non ten intención de actualizala".
Ante esta situación, segundo expón, os escolares que asistan ao campamento que este verán celebrarase na Xunqueira e na Illa das Esculturas terán que desenvolver as actividades nun espazo que "non é idóneo, un terreo desigual que pode supoñer un risco para a súa integridade física".
Juncal pide con acerto Fernández que "deixe de sacar peito; e de anuncios e de inauguracións" e que "solucione os problemas do día a día" elaborando unha nova normativa e buscando alternativas a entidades que realizan este tipo de traballos que axudan á "conciliación familiar".
RESPOSTA DE TINO FERNÁNDEZ
Tino Fernández, concelleiro de Deportes, respondía a estas acusacións alegando que en 2017 coa disolución do Instituto Municipal de Deportes, a ordenanza fiscal decae e decídese, segundo as indicacións da asesoría xurídica, que as instalacións deportivas municipais, agás o Pavillón de Deportes, sexan de uso gratuíto para clubs deportivos e asociacións sen ánimo de lucro.
O voceiro socialista explica que a elaboración dunha nova ordenanza para permitir o alugueiro destas infraestruturas por entidades privadas e particulares provocaría que os clubs se vexan obrigados a pagar unha taxa polo uso dos espazos deportivos, que agora empregan sen coste. E utilizou como exemplos o caso do Salgueiriños Club de Fútbol que terían que pagar ao redor de 5.200 euros anuais ou a AJ Lérez que pasaría a pagar unha taxa próxima aos 8.000 euros, atendendo á ordenanza de 1989. Cifras, segundo explica Fernández, que se terían que actualizar e serían maiores.
Aclara que o Concello ofreceu á entidade organizadora deste campamento de verán a posibilidade de alugar algún dos catro ximnasios do Pavillón Municipal pagando a correspondente taxa e rexeitaron a opción.
En contraposición a estas declaracións, a directora de A Casiña de Teo, Lucía Durán, aseguraba a PontevedraViva que "nós non rexeitamos a oferta de alugar os ximnasios do pavillón municipal" e engade que "no pavillón vai haber obras, teñen que adecualo e non saben as datas en que se vai poder alugar".
Por último, o concelleiro lembra que tampouco os particulares poden utilizar estas instalacións a non ser que pertenzan a algún club deportivo ou asociación sen ánimo de lucro.